Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Aprendín a aprender. O meu primeiro curso na UNED foi un desastre, e leveime un bo trompazo. Pero levanteime e continuei"

19 de diciembre de 2017

José Carlos Varela Peña, alumno do Centro Asociado galardoado por cuarta vez cos Premios Consello Social UNED, que recoñecen a excelencia no estudo.

Esta mañá, a partir das 13:30 horas no salón de actos do edificio de Humanidades da UNED, en Madrid, terá lugar a entrega de Premios do Consello Social UNED edición 2017. Recoñecemento que se outorga, entre outros méritos aos alumnos, á excelencia académica durante o curso, á finalización do Grao e de Máster.

En termos de excelencia o Centro Asociado ten moito que contar. Unha vez máis.O noso alumno José Carlos Varela Peña foi recoñecido polo Consello Social nesta última edición 2017 co Premio á excelencia no "Curso Académico" sección Xeografía e Historia. José Carlos non é novo niso de ser brillante nos estudos; nin moito menos. Na edición 2015 recibía o Premio "Curso Académico" na sección de Enxeñería e Arquitectura , na edición anterior, ano 2014, obtivo o Premio "Curso Académico" na sección de Ciencias Económicas e Empresariais e na edición 2009, Premio "Curso Académico", sección Enxeñería Industrial".

A súa formación é multidisciplinar. Varela Peña é licenciado en Economía (UNED, ano 2005), licenciado en Ciencias Físicas (UNED, ano 2006), obtivo o DEA no ano 2009, licenciado en Dereito (UNED, ano 2012), licenciado en Administración e Dirección de Empresas (UNED, ano 2013), graduado en Matemáticas (UNED, ano 2015) e graduado en Xeografía e Historia (UNED, ano 2016). Compaxinou estes estudos co Máster de Mercados Bolsistas e Derivados Financeiros e co Máster para o Acceso á Avogacía, impartidos na UNED.

Ao longo deste curso académico finalizou o Grao en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas, Grao en Psicoloxía e Grao en Economía -estudos que xa obtiña baixo o formato de licenciatura no ano 2005- na UNED e titulouse como Enxeñeiro de Camiños Canles e Portos pola Universidade da Coruña.

José Carlos Varela é escritor, avogado e fundador e director de Academia CEUX, dedicada ao ensino universitario, xestión de proxectos de enxeñería asi como á realización de peritaxes.O seu currículo conta con numerosas publicacións. Con carácter individual firma os textos: Gauss. A sistematización da teoría de números, no ano 2018 e Dirichlet. O concepto moderno de función ao abrigo da Colección Xenios das Matemáticas, no ano 2017.

P.- Este ano finalizaches os Graos en Economía, Psicoloxía e Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas na UNED. Cales son as motivacións iniciais para matricularte en calquera dos tres Graos, profesionais ou persoais?

R.- "No Grao en Economía matriculeime simplemente para reciclarme. Previamente xa realizara as licenciaturas en Economía e en ADE, así que sabía de que trataba a maioría das materias. A Economía é un tema que me apaixona, e de feito estou a realizar o doutoramento nese campo. Pero os temas que trato están fundamentalmente relacionados coa Teoría de Xogos e a Teoría da Decisión, así que había moitos conceptos que levaba tempo sen ver. En todo caso foi un pracer poder escoller aquelas materias que me interesaba volver estudar, e validar aquelas que non. En Psicoloxía matriculárame hai tempo. A miña nai é psicóloga, e de pequeno sentín curiosidade por algúns dos libros que tiña en casa. Cando os meus fillos naceron, volvín interesarme pola Psicoloxía, e finalmente decidinme a cursala. En Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas matriculeime por motivos profesionais. Desde o 2013 exerzo como avogado, e interésanme especialmente o Dereito Mercantil e o Dereito Administrativo. Así que matricularme pareceume unha boa forma de obrigarme a estudar".

P.- Parabéns. Na convocatoria deste ano 2017 dos Premios do Consello Social UNED, fuches distinguido co premio "Curso Académico 2015/2016" polo teu excelente expediente académico no Grao de Xeografía e Historia; cunha nota media de 9,7. Cuarta vez que recibes este premio, que sentiches cando soubeches que recibías de novo esta distinción?

R.- "En realidade é a quinta, contando un curso no que se me concedeu provisionalmente en dúas titulacións, aínda que as bases do concurso soamente permiten recibir un premio por ano académico. Os premios sempre che dan unha alegría, e son unha boa escusa para tomarse unhas cañas cos amigos, pero veñen despois do esforzo, e non sempre fan xustiza. Simplemente seleccionan a unha persoa cuxo expediente recolle unha puntuación lixeiramente superior ao doutros participantes. Moitos compañeiros merécense un premio, e desde logo moitos teñen a miña admiración por todas as dificultades que son capaces de superar día a día para seguir cos seus estudos".

P.- Desde que iniciaches a primeira carreira universitaria na UNED desde hai algo máis de 15 anos, como describirías a túa evolución de estudo? En que cambiou?

R.- "Aprendín a aprender. O meu primeiro curso na UNED foi un desastre, e leveime un bo trompazo. Pero levanteime e continuei, ...e volveu ser un desastre. Aos poucos fun aprendendo dos meus erros, e tiven moitos dos que aprender".

P.- Poderías dicirnos cal é a túa media de materias aprobadas por curso? Como che organizas para planificar o estudo e competencia de todas?

R.- "Os últimos anos estou a aprobar algo máis de trinta materias por curso, pero é algo bastante variable. O ano que máis materias superei foron corenta e dous, o que menos, prefiro non lembralo. En calquera caso o ano bo sempre é no que estás".

P.- En abril de 2015, cando che preguntabamos á mantenta do Premio desa edición comentábasnos que esta dedicación ao estudo, retiña tempo ao teu outra gran paixón: a familia. Puideches axustar máis os tempos?

R.- "Si, agora son algo maiores, e non esixen a atención constante de cando son pequenos, así que o levamos mellor. Hoxe en día case todos os nenos pasan moitas horas no colexio e despois aínda teñen as actividades extraescolares e os deberes. Cando chegan a casa merécense estar un intre xogando cos seus pais e o que importa é a calidade do tempo. Ademais, quedan os fins de semana, que estamos todos xuntos. Sei que nuns anos, cando mire cara atrás, pensarei que non xoguei o suficiente con eles, que non lles contei suficientes contos, e que non lles dei suficientes abrazos, pero non terá que ver con estudar. Gústame sentarme o fin de semana e velos lendo ao meu lado, aínda que só sexa un intre".

P.- Desde logo non temos ningunha dúbida de que estudar e aprender é unha das túas paixóns. Vas tomarte algún ano sabático proximamente ou, de momento, apostas por adquirir máis coñecemento? Que che gustaría seguir estudando?

R.- "A miña vida non vai cambiar porque teña unha titulación máis ou menos, de modo que os estudos que me preocupan son os dos meus fillos. Eu estudo por realización persoal; polo pracer de aprender e por curiosidade. Creo que a todos gústanos aprender, o que non nos gustan son os exames, nin o aburrimento. Así que seguirei matriculándome, as pequenas xoias que se van atopando en cada titulación, compénsame o ter que tragar coas materias que confunden o serio co aburrido. De feito, este curso retomei o Grao en Informática, e estouno compaxinando con outros Graos, aínda que o único que conto finalizar durante este ano é o grao en Enxeñería Mecánica"

P.- Por último, tres adxectivos positivos e tres non tan positivos do teu paso por esta universidade.

R.- "Libre, curioso, compaginable, frío, mellorable e custoso, sobre todo en libros, que xa podían ser máis alcanzables".

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es