Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Curso “A trata de seres humanos desde a perspectiva do Dereito Penal”

11 de marzo de 2019

Carlos Suárez-Mira será o encargado de impartir este curso que se celebrará os próximos 14 e 15 de marzo na Aula UNED de Ferrol, tanto en modalidade presencial como en streaming directo e que está homologado provisionalmente pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)

A Aula UNED de Ferrol acolle este xoves 14 e venres 15 de marzo o curso “A trata de seres humanos desde a perspectiva do Dereito Penal”, dirixido tanto ao alumnado dos graos e másteres de Dereito, como a calquera profesional do Dereito que interveña no proceso penal (avogados, procuradores, xuíces, fiscais, letrados da administración de xustiza, etc.) e, moi especialmente, aos membros das forzas e corpos de seguridade xa que se analizarán unha serie de delitos que atentan gravemente contra a dignidade humana e os dereitos máis esenciais das persoas.     

O maxistrado Carlos Suárez-Mira Rodríguez é o director e relator deste curso, cuxa finalidade é proporcionar ao alumnado os coñecementos teóricos para unha mellor defensa ou xestión dos intereses xurídicos dos implicados nun procedemento penal, xa sexa desde o punto de vista do investigado como da vítima ou outros prexudicados. E, en relación cos membros das forzas e corpos de seguridade, proporcionar os coñecementos teóricos para o mellor desempeño da súa función de prevención e represión da delincuencia, asistencia ás vítimas e auxilio aos Xulgados e Tribunais en orde a unha máis eficaz instrución e axuizamento dos delitos.      

Carlos Suárez-Mira Rodríguez é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), doutor en Dereito pola Universidade de Vigo (UVI), maxistrado da Audiencia Provincial e profesor-titor do Grao en Dereito do Centro UNED da Coruña.     

O curso se pode seguir de forma presencial na Aula UNED de Ferrol ou, na modalidade online a través de streaming (en directo). Está homologado provisionalmente pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e ten recoñecido 1 crédito ECTS.

Este curso, ademais, forma parte das actividades formativas complementarias da Programación especial con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller no Centro UNED A Coruña. Podes descargar o folleto informativo aquí.     

Podes matricularte no curso aquí.     

Máis información na Secretaría da Aula UNED de Ferrol (rúa María, 54 - 15402 Ferrol) no teléfono: 981 36 40 26 ou no correo electrónico: info@ferrol.uned.es

------------------------()-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

YouTube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es