Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

“O máis satisfactorio foi que a medida que pasaron os anos adapteime moito mellor ás esixencias propias que require estudar a distancia”

28 de noviembre de 2018

Gerardo Salgado Fernández graduouse en Ciencias Políticas e da Administración no curso académico 2017/18.

Gerardo Salgado Fernández é Técnico especialista en Prótese Dental con dous cursos de especialización en Cerámica Dental. 

Desde o ano 2000, tras superar unha proba de concurso-oposición, traballa en Correos como Axente de Clasificación e Repartición. 

No curso académico 2017/18 graduouse en Ciencias Políticas e da Administración pola UNED, recibindo o seu diploma o pasado 11 de outubro no Acto Oficial de Apertura do actual curso académico.

Por que decidiches realizar o Grao de Ciencias Políticas e da Administración na UNED?

Desexaba ampliar a miña formación académica. A UNED permite conciliar a vida laboral e académica. Ademais, contaba coa experiencia do meu irmán, o cal se licenciou en Dereito pola UNED.

 

Cales foron os obxectivos iniciais cando te matriculaches por primeira vez? Persoais ou profesionais?

Ambos. Quería ter maior coñecemento do ámbito político e maiores opcións de promoción dentro da Administración Pública.

 

Como describirías o proceso nestes anos de estudo? Sentes que como estudante tiveches unha evolución na túa forma e tempo de traballo e de estudo desde os inicios?

Foi un proceso bastante longo e duro. Tiven que conciliar con gran esforzo a vida laboral, académica e familiar. Ao longo destes anos, fun pai de dous magníficos fillos (Aymar e Lúa), que ocuparon a maior parte do meu tempo.

Teño que recoñecer que os primeiros anos foron máis levadíos, pero a medida que os meus fillos foron crecendo e demandado maior atención, resultoume moito máis complicado. O máis satisfactorio foi que a medida que pasaron os anos adapteime moito mellor ás esixencias propias que require estudar a distancia.

Por motivos de conciliación, desempeñei o meu traballo en quenda de tarde, polo que me resultou materialmente imposible acudir a ningunha titoría do centro.

 

Na túa opinión e no plano profesional, que che vai a achegar esta titulación a curto e medio prazo?

A curto prazo, permíteme optar a un posto de promoción interno da miña empresa, onde se valore a posesión dun título de grao. A medio prazo, descoñézoo e terei que asesorarme co COIE.

 

Como viviu a túa contorna estes anos de estudo? Tiveches que sacrificar tempo, renuncias...?

Foi complicado. Procurei non sacrificar demasiado tempo libre cos meus fillos. Cada ano propúxenme sacar un número limitado de materias e se nalgún momento deixei algunha para setembro non me presentei. Sempre tiven claro que o verán é para gozalo coa familia. O máis duro que recordo foi o ter que presentarme ás convocatorias de exame unha semana despois de falecer o meu pai.

 

Un pequeno xogo: tres adxectivos positivos e tres non tan positivos do teu paso por esta Universidade.

Positivos: orgulloso, valorado e satisfeito.

Menos positivos: solitario, arduo e denso.

 

Anímaste a seguir estudando?

De momento non. A miña familia merece a miña máxima atención e coidados. Creo que é o momento de relaxarse e gozar do conseguido sen maiores complicacións. Actualmente, dedícome a realizar cursos que se imparten desde a Plataforma AVIP que permitan promocionarme dentro da miña empresa.    

Imaxe: Gerardo Salgado Fernández

--------------------------------{}-------------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

YouTube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es