Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Os consumidores teñen dereito á protección dos seus lexítimos intereses económicos e sociais fronte a prácticas comerciais e cláusulas abusivas"

1 de marzo de 2017

María Belén Fuentes Salorio, ponente do curso "Contratos bancarios. Hipotecas: cláusulas e prácticas abusivas" previsto para os días 9 e 10 de marzo na aula Universitaria de Ferrol.

Os días 9 e 10 de marzo, en xornada de tarde e a través das modalidades en liña, diferido e presencial, a Extensión Universitaria de Ferrol, adscrita á UNED A Coruña, programa o curso "Contratos Bancarios. Hipotecas: cláusulas e prácticas abusivas".

Entre os obxectivos principais do curso están detectar como consumidores as prácticas abusivas máis utilizadas no ámbito da contratación de produtos bancarios e coñecer os pasos para seguir para contratar esta clase de produtos. Un tema de máximo interese e rabiosa actualidade.

A realización deste curso permite a obtención de 1 crédito ECTS e 2 créditos de libre configuración.

Gloria Santalla Quintana, avogada en exercicio e profesora titora do Centro Asociado UNED A Coruña na aula ferrolá, dirixe esta actividade formativa, que estará impartida pola tamén letrada, María Belén Fuentes Salorio, experta en Dereito Bancario, Hipotecario e Comunitario. Preguntámoslle sobre os contidos do curso:

Sra. Fuentes Salorio, o programa do curso contempla -entre outros apartados- un percorrido descritivo de créditos, hipotecas, condicións, cláusulas, comisións, etc. Un tema de interese xeral para calquera cidadán; de necesaria abordaxe. Cales son as liñas formativas na que vai centrar a charla?

"Ofrecer unha introdución ás cláusulas abusivas máis habituais nos contratos bancarios Aos contratos de préstamo con garantía de hipoteca inmobiliaria pódense engadir tarxetas bancarias e préstamos persoais. Como podemos detectalas e de que instrumentos dispoñemos para lograr a súa nulidade".

Por mor das últimas sentenzas publicadas ao redor das prácticas abusivas no ámbito hipotecario: a Xustiza falou. Cales son os dereitos dos consumidores na actualidade, neste tema? Están realmente protexidos?

"Os consumidores teñen dereito á protección dos seus lexítimos intereses económicos e sociais fronte a prácticas comerciais e cláusulas abusivas así como a dispoñer, antes de contratar, dunha información correcta, completa e exhaustiva dos produtos e servizos que se ofertan, incluídos os bancarios, por establecelo así a lexislación tuitiva de consumidores. Os seus dereitos seguen estando ao arbitrio dos bancos, porque de non ser así, non terían que invocar a tutela dos órganos xurisdicionais".

Que lles podería dicir no relativo ás reclamacións extraxudiciais?

"En liñas xerais, ao someternos a un procedemento de reclamación extraxudicial como o descrito no recente Real Decreto-lei 1/2017 de 20 xaneiro de 2017, de Medidas Urxentes de Protección dos Consumidores en materia de cláusula chan, pasamos pola forca caudina do Banco, que actúa como Xuíz e parte. A decisión última tena a entidade crediticia".

Que mecanismos e medidas legais temos os consumidores para identificar un texto abusivo?

"Comparar as cláusulas do contrato coas disposicións legais aplicables ao caso. En ocasións, os textos normativos non contemplan certas situacións ata que se producen, polo faise necesario acudir á Xurisprudencia, á Doutrina e os Principios Xerais do Dereito, sendo a opción máis adecuada dirixirse a un profesional experto en Dereito Bancario que posúe a formación apropiada para manexarse nese maremágnum de fontes xurídicas".

E as ferramentas xurídicas para reaccionar e liquidar o dano?

"Son as seguintes: en primeiro lugar as reclamacións extraxudiciais ante os servizos de atención ao cliente que os bancos establecen a tal fin, non sempre efectivas e a través das cales non sempre se logra a tutela dos dereitos que lexitimamente asisten aos consumidores. En segundo lugar o recurso ás accións individuais e colectivas de cesación que permiten a expulsión das cláusulas abusivas do clausulado contractual".

En resumo, que van aprender de novo os alumnos matriculados no curso?

"Detectar as cláusulas abusivas máis utilizadas na contratación de produtos bancarios; reaccionar e actuar para obter a nulidade e coñecer os pasos para seguir no futuro antes da contratación deste tipo de produtos".

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es