Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Máis de 70 persoas acudiron á Aula UNED de Ferrol para asistir á presentación do libro: "Os poemas que non podes deixar de coñecer (2)"

23 de octubre de 2017

O acto estivo presidido por Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, acompañado de Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado e contou coas intervencións da autora do libro, Eva Ocampo e do ilustrador Pedro Castro.

A presentación do libro "Os poemas que non podes deixar de coñecer (2)" de Eva Ocampo Vigo foi todo un acontecemento cultural no que houbo lugar para a poesía, a música e a pintura; pero tamén, para a reflexión crítica achega do panorama educativo actual.

O evento tivo lugar o xoves 19 de outubro no salón de actos da Aula da UNED en Ferrol, foi un éxito de afluencia de público; algúns estudantes da UNED puideron seguir a presentación en directo a través desde a modalidade de streaming.

O director da UNED A Coruña, Germán Carro Fernández, iniciou o acto dando a benvida aos numerosos asistentes -tanto presenciais como virtuais-, agradecendo aos autores a confianza depositada na Aula de Ferrol para a presentación desta obra e sinalando o compromiso da UNED coa promoción da cultura. Tamén tivo unhas palabras de agarimo para a autora, Eva Ocampo Vigo, antiga alumna da UNED e colaboradora da revista SIGNA desta universidade, así como para José Antonio Ponte Far, promotor do libro e antigo profesor titor da UNED en Ferrol, recoñecendo o seu labor neste centro ao longo de 25 anos.

Eva Ocampo na súa intervención subliñou a importancia desta antoloxía poética que reúne a autoras e autores de diferentes épocas: desde os máis clásicos, como Alfonso X O Sabio, ata os máis actuais, como Diana Varela; destacou a súa devoción particular por todos eles e a importancia de incluír a poetas e poetisas contemporáneos. A autora sinalou que este libro xurdiu como resposta a unha necesidade educativa detectada na súa dilatada experiencia como docente, o que non resta relevancia a que sexa unha obra de interese para a sociedade en xeral. Este feito tamén foi resaltado posteriormente polo secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo que como filólogo entende que o libro é unha obra fundamental, que debe formar parte de calquera biblioteca, tanto pública como persoal, grazas a unha clara vocación didáctica e unha indubidable calidade literaria. Pola súa banda, o ilustrador Pedro Castro, aproveitou a súa intervención para explicar tanto as influencias poéticas como pictóricas que lle levaron a crear as obras que ilustran o libro, especialmente as dúas pinturas que estaban expostas a ambos os dous lados da sala e que levaron ao público para apreciar a súa obra.

Unha vez terminadas as intervencións, José Antonio Ponte Far tomou as rendas da segunda parte do acto, que consistiu nun recital poético e musical dunha selección dos poemas da obra. Eva Ocampo recitou "Media vida" de Miguel D´Ors e "O almorzo" de Luís Alberto de Cuenca; Pedro Castro declamou "O maio" de Manuel Curros Enríquez e "Paseniño" de Rosalía de Castro; mentres que Ángeles Seoane interpretou o "Romance da pena negra" de Federico García Lorca -polo que ten unha verdadeira devoción,tal e como confesou- e "Os heraldos negros" de César Vallejo. Os tres autores compaxinaron os seus recitais e explicaron os motivos que lles levaron a seleccionar estas obras; todas elas foron do agrado dos presentes, escoitándose murmurios de recitadores anónimos entre o público.

Na última parte do evento tivo lugar a intervención musical, que correu a cargo do tenor Juan Fernández e das sopranos Josefina Llano e Carmina Dafonte. As sopranos interpretaron xuntas o poema "Unha noite na eira do trigo" de Manuel Curros Enríquez e por separado as "Nanas da cebola" de Miguel Hernández. Pola súa banda o tenor Juan Fernández interpretou "Amor ti vieta", aria da ópera Fedora de Umberto Giordano e, como broche final cantou xunto ás dúas sopranos a barcarola napolitana "Santa Lucía".

O numeroso público congregado no salón de actos da aula UNED de Ferrol gozou enormemente desta segunda parte do acto durante todas as intervencións.

"Os poemas que non podes deixar de coñecer (2)" é unha antoloxía poética compilada por Eva Ocampo e ilustrada por Pedro (Perico) Castro, que reúne 112 poemas da literatura galega, castelá e hispanoamericana de todos os tempos. O libro é a continuación dunha selección anterior compilada por José Antonio Ponte Far, que foi presentada tamén na aula da UNED en xuño de 2015.

Crónica e imaxes de Laura Sánchez Pérez, Doutora en Antropoloxía pola universidade de Salamanca (USAL), profesora titora e coordinadora de Extensión Universitaria e Cultural no Centro Asociado UNED A Coruña.

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es