Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Sinto que evolucionei, optimizo mellor o tempo que teño e son, en xeral, máis resolutivo"

20 de noviembre de 2017

Francisco Rodríguez, Máster en Xestión de Contratos e Programas do Sector Público durante o curso 2016/2017.

Francisco Rodríguez Dopico é licenciado en Ciencias Químicas pola UNED. Durante o curso 2016/2017 finalizou o Máster Oficial en Xestión de Contratos e Programas do Sector Público, con especial aplicación ao ámbito da Defensa, no Instituto Universitario General Gutiérrez Mellado, adscrito á UNED.

Rodríguez Dopico desenvolveu a súa carreira profesional durante o últimos quince anos na xestión de proxectos no ámbito militar e naval como responsable de compras e especialista en catalogación OTAN. Actualmente traballa na empresa CT Enxeñeiros-Dinain, no proxecto de apoio loxístico integrado ao programa AAOR (Armada Australiana), para Navantia.

Por que decidiches realizar un Máster na UNED?

"Quería cursar un Máster oficial recoñecido polo EEES no que puidese adquirir formación práctica e real sobre xestión e contratación pública orientada a Defensa, xa que é neste ámbito onde desenvolvín a miña carreira profesional. O Instituto Universitario General Gutiérrez Mellado ofrecíame esta formación, con profesores e conferenciantes de gran experiencia, e coa metodoloxía da UNED, que xa coñecía".

Cales foron os obxectivos iniciais cando te matriculaches por primeira vez? Persoais ou profesionais?

"O meu obxectivo era principalmente profesional, aínda que no plano persoal hei de dicir que o grupo de compañeiros da miña promoción é extraordinario".

Como describirías o proceso nestes anos de estudo? Sentes que como estudante tiveches unha evolución na túa forma e tempo de traballo e de estudo desde os inicios?

"O nivel de esixencia neste Master é moi alto: nos traballos e exames das materias, e sobre todo no traballo de investigación de fin de Master. Compaxinalo coa miña vida persoal e profesional, foi complicado ás veces. Si sinto que evolucionei, optimizo mellor o tempo que teño e son, en xeral, máis resolutivo".

Na túa opinión e no plano profesional, que che vai achegar esta titulación a curto e medio prazo?

"Creo que xa me achegou moito xa que a formación obtida é moi completa e interdisciplinar, con aspectos xurídicos, económicos e técnicos da contratación pública, e en particular no ámbito militar".

Como viviu a túa contorna estes anos de estudo? Tiveches que sacrificar tempo, renuncias...?

"Sen a miña muller e as miñas fillas non o lograría. Todos nos sacrificamos un pouquiño para sacar isto adiante. Ademais, tiven un entorno persoal e profesional moi bo".

Un pequeno xogo: tres adxectivos positivos e tres non tan positivos do teu paso por esta universidade.

"Flexibilidade, rigor e comunidade. Distancia, paciencia e empeño".

Que cambios pensas que necesita a UNED?

"Considero que habería que mellorar o tema das titorías nos centros asociados. Desde logo na UNED son pioneiros nesta metodoloxía e co apoio das novas tecnoloxías da información están a mellorar enormemente a comunicación alumno-profesor".

Anímaste a seguir estudando?

"Si. Gustaríame seguir traballando na liña do meu traballo de fin de Master realizando un doutoramento, pero aínda non tomei unha decisión en firme".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña  

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es