Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Un difícil compromiso entre arte e artesanía e unha elaboración foránea e indirecta, debe recoñecerse a súa gran achega á difusión de clichés iconográficos"

1 de abril de 2016

Juan David Díaz López impartirá a conferencia "A cidade e a mirada do viaxeiro. Galicia nas ilustracións do Semanario Pintoresco Español (1836-1857) o martes 5 de abril.

O vindeiro martes, 5 de abril, Juan David Díaz López, licenciado en Historia da arte e en Xornalismo, actualmente membro do departamento de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela, impartirá a conferencia "A cidade e a mirada do viaxeiro. Galicia nas ilustracións do Semanario Pintoresco Español, (1836-1857)". Actividade que ten como obxectivo describir, analizar e comparar as ilustracións de tema galego que se inclúen nas páxinas do Semanario Pintoresco Español de maneira que, para que o alumno poida comprender a natureza destas representacións, tanto nos seus aspectos formais como iconográficos.

Conferencia gratuíta que emitirá nas modalidades presencial e online, e que require inscrición previa desde a plataforma de cursos de extensión universitaria da UNED.

Juan David Díaz, participou nas actividades culturais que organiza o Centro Asociado en marzo de 2014, enmarcadas dentro do Ciclo de Cultura, coa conferencia "O edificio de vivendas e o nacemento do hotel en Galicia no último cuarto do século XIX".

Concede un adianto do contido do relatorio do martes:

"Na difusión e popularización da arte das vistas xoga un papel moi destacado a prensa ilustrada que florece en España no segundo terzo do século XIX e, de maneira especial, o Semanario Pintoresco Español (1836-1857), primeira cabeceira do país en recorrer á xilografía para potenciar o seu aspecto gráfico. Aínda que as súas imaxes son produto dunha elaboración artesanal, por veces ruda e carente de orixinalidade, ofrece a meirande colección de vistas de Galicia vinculada a unha mesma publicación con anterioridade á difusión da fotografía. De aí que ofrecemos un relatorio centrado nos diferentes aspectos formais e iconográficos que caracterizan estas imaxes. En conxunto, son 49 ilustracións sobre diversas poboacións e lugares que non só documentan o carácter tradicional e rústico daquela Galicia, senón que tamén plasman os atributos da mirada pintoresca que descobre as nosas cidades como tema artístico.

A revista, fundada por R. Mesonero Romanos, emprega asiduamente o adxectivo “pintoresco”, e non soamente na súa cabeceira. Trátase dunha palabra que ten un sentido positivo, gratificante e evocador, directamente ligado coa pintura e coa mirada curiosa sobre o país. Independentemente de que as ilustracións que atopamos acusen en ocasións inxenuidade ou falta de orixinalidade, un difícil compromiso entre arte e artesanía e unha elaboración foránea e indirecta, debe recoñecerse a súa gran contribución á difusión de clixés iconográficos que forman parte da bagaxe coa que se experimenta o territorio nas décadas posteriores. Falamos dunha clase de imaxes, as vistas de lugares, que eran un ben escaso pero prezado, pois gozaban da fascinante capacidade de transportar aos seus espectadores a lugares afastados e marabillosos, que seguramente xamais agardaban poder visitar.

Así, as vistas dos recunchos galegos do Se¬manario, como as demais de España e do estranxeiro, tiñan entre a súas funcións a suxes¬tión da viaxe, a emancipación imaxinaria do moitas veces forzoso lugar presente, e tal era a admiración que ao principio causaban, que se toleraban as súas carencias descritivas. De feito, malia a non incluírse na sección específica denominada “viajes” –normalmente reservada para temas estranxeiros–, as cidades galegas soen aparecer nos textos ofrecéndose “a los ojos del viajero”, un viaxeiro que que¬re lembrar o que ve e por iso, moitas veces, lévao debuxado. Non hai que esquecer que o concepto de viaxe, que se conecta coa crecente popularidade do turismo, é capital dentro da estética pintoresca –tal e como a describe Gilpin– e leva aparellada a idea de descubrimento: o pracer estético me¬diante a experiencia do mundo circundante prodúcese co desprazamento, coa pere¬grinación a través da paisaxe na procura dun achado case sempre fortuíto."

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

 

juandavid2729laciudadylamiradadelviajero
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es