Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED A Coruña Emprende: encontro virtual sobre formación e emprego

4 de junio de 2021

Actividade gratuíta, aberta ao público en xeral, composta por 4 webinarios que se celebrarán na tarde do martes 15 de xuño totalmente en liña (en directo mais en diferido). Conéctate ao teu futuro e apúntate xa!

Un ano máis, desde o Centro Asociado á UNED na Coruña finalizamos o curso académico promocionando a inserción laboral do noso alumnado e fomentando a mellora profesional da poboación da nosa contorna. 

Tras a boa acollida en xeral que tiveron as dúas edicións da Feira de Emprego celebradas no noso Centro, a 1ª edición en 2018 e a 2ª edición en 2019, neste ano marcado pola pandemia, queremos continuar fomentando a mellora laboral do noso alumnado, así como da poboación en xeral.

Para iso, o martes 15 de xuño celebrarase a actividade UNED A Coruña Emprende: encontro virtual sobre formación e emprego, de 16:30 a 20:30 h. Esta actividade está aberta a calquera persoa interesada na mellora da súa vida laboral e profesional, así como aquelas que queiran coñecer as posibilidades de formación especializada que ofrece a UNED para mellorar o seu futuro.

A inserción laboral é unha etapa crucial do desenvolvemento curricular, por iso queremos que esta sexa unha xornada de información o máis completa posible; o obxectivo é fomentar a inserción laboral, proporcionar un espazo de información sobre as posibilidades de emprego cualificado e emprendemento na contorna máis inmediata e asesorar sobre as posibilidades laborais desde diferentes puntos de vista.

UNED A Coruña Emprende: encontro virtual sobre formación e emprego componse de catro webinarios agrupados en dous bloques temáticos: a primeira parte centrarase na formación e oportunidades de especialización para completar os teus estudos na UNED e, a segunda parte, centrarase nos aspectos prácticos da vida laboral: desde como desenvolver proxectos de emprego nas zonas rurais ata como afrontar o teu primeiro traballo nunha empresa.

A actividade contará coa participación de diferentes profesionais e servizos do Centro que informarán as persoas rexistradas sobre prácticas extracurriculares, oposicións, programas de especialización, emprendemento, procura activa de emprego e outras oportunidades laborais.

Debido ás especiais circunstancias de alerta sanitaria pola COVID-19, tódolos webinarios se poderán seguir exclusivamente en modalidade online, tanto en directo coma en diferido. É preciso a inscrición previa para poder acceder ás ligazóns de seguimento

Inscríbete na plataforma en liña para obter as ligazóns de seguimento e accede a todos os nosos webinarios. Poderás participar e consultar as túas dúbidas cos relatores.  

Pódeste inscribir gratis premendo aquí:

  • Matrícula para seguimento en directo dispoñible ata o 15 de xuño de 2021.  
  • Matrícula para seguimento en diferido dispoñible ata o 16 de xuño de 2021. 

PROGRAMA UNED A Coruña Emprende: 

  • Data: martes, 15 de xuño de 2021
  • Horario xeral: de 16:30 a 20:30 h
  • Modalidades: asistencia online en directo mais en diferido

Webinario 1: "Conta connosco! Aínda temos moito que che ofrecer"

  • Hora: 16:30-17:15 h. 
  • Impartido por: Nuria Rebollo Quintela, Coordinadora do COIE do Centro Asociado á UNED na Coruña.

Este webinario centrarase nos servizos que ofrece o Centro de Orientación, Información e emprego ( COIE) do Centro UNED A Coruña. Un servizo especializado en ofrecer información e orientación académica e profesional que a UNED pon ao dispor dos seus estudantes. Desde o COIE tamén se ofrecen servizos ao resto da comunidade universitaria do Centro e á rede empresarial, mantendo o obxectivo de ofrecer axuda para a integración académica e profesional dos estudantes. Así, nesta actividade ofrecerase información sobre os recursos e servizos que ofrece a UNED en materia de formación e emprego, como bolsa de emprego, prácticas extracurriculares, oferta de másteres e programas de doutoramento, etc.

O obxectivo é dar a coñecer aos estudantes, egresados, empresas e público asistente en xeral, os recursos e posibilidades que ofrece o COIE, a partir dos tres piares básicos nos que se fundamenta o seu traballo:

  • Orientación académica.

  • Orientación profesional.

  • Orientación para o emprego e a inserción laboral.

Webinario 2: "Recursos que ofrece o Servizo de Axuda ao Emprego e ao Emprendemento (SAEE) do Centro UNED A Coruña"

  • Hora: 17:30-18:15 h
  • Impartido por: María Díaz de Robles Badía, Responsable do ervizo de Axuda ao Emprego e ao Emprendemento (SAEE) do Centro Asociado á UNED na Coruña.

Neste webinario expoñeranse todos e cada un dos recursos que o Servizo de Axuda ao Emprego e ao Emprendemento (SAEE) do Centro UNED A Coruña ofrece, tanto a estudantes, empresas, entidades públicas, Ong e emprendedores. O Servizo de Axuda ao Emprego e ao Emprendemento do Centro UNED A Coruña, é un importante punto de encontro entre o estudante e o mundo laboral, dinamizando as relacións da universidade coa contorna, creando redes de inserción laboral e ofrecendo oportunidades de crecemento e desenvolvemento para os estudantes e egresados do Centro UNED A Coruña.

O obxectivo é dar a coñecer aos estudantes, egresados, empresas e público asistente en xeral, os recursos e posibilidades que ofrece o SAEE en materia de:

  • Orientación laboral: programas de prácticas en empresas, bolsas... Orientación laboral para a procura activa de emprego. Captación e difusión de ofertas de traballo e recollida de currículo.

  • Información e asesoramento para a creación de empresas: Axudas e subvencións. Plans de empresa. Viabilidade empresarial. Club do emprendedor, etc.

  • Acciones formativas e informativas: Inserción laboral. Desenvolvemento de habilidades. Formación práctica.

Webinario 3: Proxectos de emprego e vida no ámbito rural galego

  • Hora: 18:30-19:15 h. 
  • Impartido por: Carme Freire Cruces, Formadora especializada en horticultura ecolóxica, cociña tradicional e transformación artesanal de alimentos ecolóxicos. Enxeñeira Técnica Agrícola e Enxeñeira Forestal. Titora da UNED Sénior A Coruña

Este webinario centrarase no desenvolvemento de proxectos de emprego no ámbito rural, principalmente o galego. A través da longa experiencia da relatora como formadora especializada en horticultura ecolóxica, cociña tradicional e transformación artesanal de alimentos ecolóxico, trataranse diferentes aspectos relacionados co espazo rural como espazo de traballos diversos e complementarios.

Farase fincapé na actividade produtora de alimentos coidando o medio e as persoas, como eixo económico, así como a implicación social do modelo económico de aproveitamento dos recursos.

Todo iso ten a súa repercusión na cultura e saberes da vida rural que se manifesta nos proxectos laborais. Tamén se expoñerá a importancia da colaboración entre as persoas e as administracións, as limitacións existentes para o desenvolvemento socioeconómico para, finalmente analizar os casos de emprego e vida no rural galego.

Webinario 4: Como atopar emprego sen ser “El Rubius”?

  • Hora: 19:30-20:15 h. 
  • Impartido por: Alberto Ferreiro Barreiro, Mentor de empresarios e emprendedores en Reimpulse Mentoring. Consultoría estratéxica de creación, organización e dirección de negocios, e José Ramón Pérez Castelao, IEnxeñeiro de Telecomunicacións. Xerente Kastel Enxeñería, S.L.U. Xerente Cowoking Espazo Lugo.

Este último webinario centrarase en expoñer diferentes cuestións sobre as experiencias e expectativas laborais a través temas pouco visiblizados á hora de buscar emprego, pero que son moi necesarios para avanzar cara a un emprendemento consciente e responsable.

A través das súas experiencias profesionais en diferentes sectores, os relatores expoñerán unha recompilación das principais claves e consellos prácticos para afrontar de forma satisfactoria unha vida laboral saudable. Isto é de especial interese para aquelas persoas que se enfrontan á súa primeira experiencia de emprego xa que pode axudalas a focalizar o seu traballo, reducir medos ou ansiedade por esta primeira experiencia, pero tamén a detectar situacións incómodas ou desfavorables, así como a potenciar as súas habilidades profesionais para mellorar o seu futuro.

Neste sentido abordarase como detectar a unha organización tóxica nas ofertas de traballo e nas entrevistas de emprego; onde e como buscar empresas adecuadas, pero tamén que lles podes ofrecer ti para acceder a elas. O obxectivo deste webinario é que as persoas asistentes teñan todas as claves para non condicionar a túa vida laboral desde a primeira experiencia; e, se xa estás a traballar, axudarche a detectar se xa estás dentro dunha empresa ou experiencia tóxica e como actuar para saír desta situación para obter unha vida laboral saudable, consciente e satisfactoria.

Conéctate ao teu futuro, apúntate xa!

Seguimos online, seguimos contigo!

Máis información en:

-------------------------{}------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Instagram

YouTube

Blogue UNED Sénior A Coruña   

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es