Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

UNED Sénior A Coruña

21 de octubre de 2015

Acto formal de inauguración do curso sénior 2015/2016.

Onte martes, na Casa Habaneira do Concello de Guitiriz, comezaba, oficialmente o curso 2015/2016 para os séniores da UNED A Coruña, os séniores do rural.

É certo que as clases xa comezaron e os nosos alumnos máis veteranos puideron estrear cuadrimestre fai un par de semanas, con todo, e como todos os anos desde que este emocionante proxecto viu a luz, formalízase oficialmente o comezo de curso con eles saben facelo mellor que ninguén, contando e cantando os seus saberes.

Nesta ocasión o lugar seleccionado foi Guitiriz, nos locais da Casa Habaneira. A súa alcaldesa, Regina Polín Rodríguez, actuou de anfitrioa durante o transcurso dos actos programados. Acompañada de Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado UNED A Coruña e de Luís Angel Rodríguez Patiño, coordinador do programa, o alcalde de Xermade Roberto García Pernas, alcalde de Paderne, César Longo Queijo, a tenente de alcalde de Aranga, Eva María Sánchez Brañas, e en representación do Concello de Rianxo, a concelleira Adelina Ces Quintáns. Asistiron María Rivas Couceiro e María Yolanda Buceta Vázquez, membros da Asociación Maisdetrés , representando a Lousame.

Asistiu María Díaz de Robles, coordinadora de Extensión Universitaria da UNED A Coruña.

Non é de estrañar que o comezo do acto tivese como protagonista á música: denominador común neste programa en practicamente todos os alumnos matriculados. A novidade, nesta ocasión, era a mocidade acompañaba aos intérpretes; alumnos do IES Poeta Diaz de Castro. Interpretaron poemas de autor Díez de Castro, oriúndo do lugar, marabillosamente musicados.

Intervencións das autoridades

Acto seguido a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, daba a benvida a todos os presentes lembrando o orixinal uso de escola do lugar de celebración, e a convivencia entre alumnos máis novos e máis veteranos esa mañá.

A continuación o coordinador e alma do proxecto, Luís Anxo Rodríguez, non quixo deixar pasar a ocasión sen mencionar o sentido interxeracional do programa, e deu as grazas a todos por participar nos actos de inauguración. O resto do rexedores e edís que pechaban a mesa, tamén quixeron poñer en valor a esencia da UNED Sénior así como agradecer a todos os responsables, o esforzo colectivo que supón implementar e manter a Universidade do rural, no rural e para o rural.

Finalizado a quenda de intervencións de autoridades, chegaba a parte máis lúdica da xornada. O Grupo de Teatro AECC de Guitiriz interpretaba, para deleite de todos, unha "Loubanza á torta do millo".

Seguidamente proxectáronse dous vídeos de exaltación e exposición das actividades da zona. Especial mención nun deles a Díez de Castro e o seu poema "Nimbos" en relación coa imprenta. Mercedes e Rufi, dous compoñentes do Grupo de Teatro local, recitaron senllos poemas de Manuel María e Díez de Castro.

Atravesado o ecuador do programa, tocaba a quenda á parte máis académica. Germán Carro, director da UNED herculina, tras agredecer a presenza a todos, declarou oficialmente inaugurado o curso sénior do rural.

Seguiulle, na rolda de agradecementos, Mercedes Cachaza. Plumilla activa e alumna encantadora, que leu o texto que se acompaña.

Coro da UNED Sénior A Coruña

Pechaban o guión de actos as actuacións do coro de alumnos da UNED Sénior A Coruña, capitaneado polo seu profesor de música, Francisco Javier García Canto.

Accede ao vídeo creado con motivo do acto pola Fundación TIC.

O Concello de Guitiriz faise eco do Acto.

O xornal dixital Terra chá, informa do desenrolo do Acto.

Escrito de benvida da alumna Mercedes Cachaza Platas

"Bos días autoridades, civís e académicas, aquí presentes! 

Bos días ós pequenos-grandes actores e actrices que nos deleitaron con seu saber e bo proceder, nesta obra de teatro que nos acaban de ofrecer; así como ó persoal que os preparou!  

Bos días a todo o alumnado da UNED Sénior da Galicia rural!

Ós de Rianxo, ós de Lousame, é ós aquí presentes de Paderne, Monfero, Aranga, Xermade e Guitiriz. 

Bos días amigos e amigas da UNED Sénior na Galicia rural! 

Atopámonos reunidos nesta terra de augas medicinais e xentes nobres: escritores, labregos, industriais e estudiantes para celebrar todos xuntos un día importante na terra de Díaz Castro e outras personalidades, na historia da Guitiriz e tamén na historia da UNED Sénior da Galicia Rural. Inauguramos o curso 2015/2016!

Acontecemento único e irrepetible que só se celebra un día na vida, o día de hoxe, aquí é agora. 

Por eso, temos moitos motivos para sentírmonos orgullosos e estarmos felices, porque para celebralo por todo o alto, contamos coa presenza da señora alcaldesa deste Concello e o seu equipo municipal, que tiveron o a ben facer todo canto estivo nas súas mans para propiciar esta celebración tan lucida.  O Equipo encargado desta obra de teatro que acabamos de presenciar, así como do vídeo sobre a persoa de Díaz Castro, homenaxeado no día das Letras Galegas do presente ano. 

Os representantes das autoridades municipais dos diferentes concellos onde esta implantada a Universidade Sénior no rural galego.

O señor director da UNED da Coruña, Don Germán Carro Fernández, que está disposto a apostar forte por esta peculiar iniciativa de ensinanza non reglada para a poboación adulta e senil do rural galego.

O noso coordinador, don Luis Rodríguez, que move todo canto pode esta maquinaria humana para que todo saia ben. 

E o piar fundamental: o alumnado, que é a base, orixe e sustento deste gran edificio que entre todos estamos a construír. No nome deste alumnado tan peculiar, ó que me cabe a honra de representar neste momento: A todos a máis expresivas grazas! 

Desexar que teñamos un feliz e entrañable día compartindo a paixón polo rural coa colaboración da Aula de Música da UNED Sénior, a cargo do noso benquerido profesor; Don Francisco Javier García Canto, que dirixirá a parte musical, deste acto. 

Moitas grazas a todas cantas persoas aportaron o seu bo proceder para que poidamos disfrutar dunha feliz xornada inaugural da UNED Sénior da Galicia rural! Graciñas."

Mercedes Cachaza Platas

Alumna da UNED Sénior A Coruña, na Galicia Rural en Paderne

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

germanreginaalcaldesseniormercedescachazagrupomusical2328grupoteatropoemadiezcastropoemamanuelmariacoro
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es