Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O edificio de vivendas e o nacemento do hotel en Galicia durante no último cuarto do século XIX

18 de marzo de 2014

Juan David Díaz López, licenciado en Historia da Arte e Periodismo, no ciclo de cultura.

Juan David Díaz López é licenciado en Historia da Arte e en Periodismo. Bolseiro FPU do departamento de Historia da arte na Universidade de Santiago de Compostela. Membro do equipo de proxecto "A visión do artista. Cidade e arquitectura en Galicia dende a Idade Media ata a irrupción da fotografía".

Juan David impartiu a conferencia "Unha casa para o viaxeiro. O edificio de vivendas e o nacemento do hotel en Galicia (1879-1950)"...(1) durante o ciclo "Novas formas de entender a Cultura" que se celebra ata o 28 de marzo no Centro Asociado A Coruña. Por este motivo pedímoslle que nos ofrecese un esbozo do que foi a súa presentación.

"Ata que punto atopamos un tipo arquitectónico individualizado cando falamos da historia do hotel en Galicia? En que medida podemos cinguirnos ao estudo de deseños ad hoc, trazados e construídos especificamente para o servizo de hospedaxe? Mentres que a teoría arquitectónica propón como ideal a correlación orixinal entre a forma e a función dun edificio, a realidade ofrécenos múltiples casos en que a función resulta un contido intercambiable que se inserta a posteriori en formas preexistentes, logo dunha maior ou menor obra de adaptación. Isto é o que sucede cando comeza a desenvolverse a hotelaría en Galicia no último cuarto do século XIX, dando lugar a unha etapa na que o referente tipolóxico, que vén xustificado por enfoques clásicos como o de Pevsner (2), aparece atenuado ou esvaecido pola práctica común nas nosas cidades, onde de forma predominante estes establecementos atopan como arquitectura axeitada o edificio de vivendas.

Nesta comunicación tratamos de identificar os puntos de contacto e de diverxencia entre dous tipos arquitectónicos que nacen dun mesmo concepto de cidade e de modernidade: por un lado o edificio burgués de vivendas e polo outro o hotel de viaxeiros. A través dunha análise na que abarcamos todo o ámbito galego, comprobamos nos primeiros hoteis das cidades da Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo que se produce, de xeito xeneralizado e con independencia da categoría do establecemento, a adopción de edificios residenciais preexistentes, feito do que son bos exemplos os hoteis Palace da Coruña (fig. 1), Suizo de Santiago, Continental de Vigo ou Méndez Núñez de Lugo. E mesmo os poucos hoteis deseñados como tales, como son os de Rodolfo Ucha para Ferrol, non se arredan esencialmente da fórmula daqueles outros, afirmando, antes que a temporalidade dos seus hóspedes, o seu carácter de palacios permanentes da burguesía.

A principal conclusión que expuxemos é que o hotel, máis que un efémero lugar de paso, encarna para o burgués a idea dun fogar en movemento, acorde coa súa aspiración cosmopolita. O ferrocarril redime ao viaxeiro das penalidades dos desprazamentos, mentres que o hotel é o punto de referencia onde queira que se atope, a marca pola que se integra no local e a súa redención como forasteiro. Polo tanto, é lóxico que o hotel se formule en termos similares á vivenda habitual, establecendo similares parámetros tanto na dimensión pública como privada.

A dimensión privada, na vivenda burguesa e no hotel, está presidida pola busca da comodidade, do confort, que se obtén por medio da mellora das condicións materiais e dunha axeitada organización do espazo. Por exemplo, ao longo dos séculos XIX e XX as tecnoloxías da vivenda non deixaron de evolucionar e perfeccionarse, o que tamén se pode aplicar á industria da hospedaxe, en particular no tocante aos estándares hixiénicos.

A dimensión pública enlaza coa vertente representativa da arquitectura, é dicir, a facultade que se lle atribúe á morada de significar aos seus habitantes. Nese sentido, a integración do hotel como un bloque de pisos entre medianeiras no corazón do ensanche liberal é algo máis que unha simple casualidade: é unha afirmación da personalidade dunha nova clase dominante e da súa aposta pola urbe como escenario idóneo para progresar. Dende esta perspectiva, o cultivo da esfera pública tórnase fundamental, e velaquí que o hotel, en tanto tal, nace coa obriga de superar as estreitezas das vellas fondas para ofrecer aos seus hóspedes e tamén aos locais unha dotación verdadeiramente esplendorosa e potente de espazos públicos, tales como salóns, lobbys, comedores, locutorios, salas de bailes, terrazas, bares, cafetarías, locutorios, tendas e mesmo piscinas".

(1) Co apoio dunha bolsa FPU do MECD e no marco do proxecto de investigación La visión del artista. Ciudad y arquitectura en Galicia desde la Edad Media hasta la irrupción de la fotogra­fía (HAR2011-24968), financiado polo Ministerio de Economía.

(2) PEVSNER, N. A History of Building Types. London: Thames and Hudson, 1976.

(fig. 1) Vista do Cantón da Coruña coa Casa Caruncho (1872), convertida no Palace Hotel en 1916. Fonte: La Ilustración Gallega y Asturiana (1879).

Texto: Juan David Díaz López

Accede ó Ciclo de Cultura

nuevaimagen1
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es