Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Álvaro Santamaría Villanueva

20 de julio de 2015

Alumno do Centro Asociado e gañador da primeira edición dos premios Start UP e CMETT.

Este mes de xullo, na sede central da UNED en Madrid, entregáronse os premios correspondentes á I edición do Concurso Start-Up e o Programa CMETT "Creación de Empresas" do COIE da universidade, entrega presidida polo Reitor, Alejandro Tiana Ferrer.

Nesta primeira edición, Álvaro Santamaría Villanueva, alumno do Centro Asociado UNED A Coruña, alzouse cos dous premios, obtendo así o máximo reconocimento por parte da UNED, como organizadora, ao seu proxecto "Recarga a túa cidade".

Álvaro, Santamaría estudou Formación Profesional en Electrónica e máis tarde en Informática de Xestión. Disciplinas que vive como algo máis que un hobby, de aí xurdiu "O recargador", proxecto gañador por partida dobre.

Aterrou na UNED para realizar Dereito, carreira que finalizou este mesmo curso. A licenciatura en Dereito foi algo que sempre quixera facer, "que levaba dentro", tanto é así que superou a carreira a curso por ano académico. Aí é nada.

Parabéns por eses dous premios. Falamos un pouco do teu proxecto, "Recarga a túa cidade".

"O proxecto nace co obxectivo de racionalizar o consumo de enerxía dos Concellos. Por un lado estaría o control de gasto enerxético, e por outro o aproveitamento enerxético vinculado aos vehículos.

Trataríase de instalar un dispositivo nas zonas de freado de automóbiles nas autoestradas, por exemplo, onde ao circular sobre este aparato, que se instalaría no momento de freada, estaría a xerar electricidade. Calcúlase que a un vehículo se lle retén un 5% da enerxía cinética que leva, para que sexa cómodo e nada perigoso, de feito é moito mellor que calquera tipo de canle, xa que a plataforma cede, sen saltos.

Un coche a cincuenta quilómetros hora tarda en frear trece metros, nós quitámoslle un pouquiño de enerxía e soamente con circular á súa velocidade sería suficiente. Tendo en conta que un coche ten normalmente cen cabalos, cada cabalo son setecentos trinta e cinco vatios, estamos a falar de quitar catro vatios, é unha proporción mínima. Estes vatios, relacionados co número de coches e freadas nas entradas ou semáforos, xeraría unha cantidade enorme de enerxía.

Esta enerxía poderíase acumular en dispositivos similares aos paneis solares".

Cal sería o custo de instalación?

"Calculo que se poderán fabricar por uns 3.000 €. Logo hai un custo de obra civil que vai depender de cada Concello.

O que eu persigo é un proxecto realmente asumible, doadamente amortizable, e que sexa tan sinxelo que non se estrague. Igualmente é renovable cen por cen porque esa enerxía que imos utilizar se está a consumir en forma de calor nos freos dos coches. É un aforro en pastillas e discos de freo.

Asumible, amortizable, sinxelo e ecolóxico".

Pensaches na patente?

"Si, precisamente estes días estou con esta xestión".

A quen llo vas ofrecer? Como tes pensado que saia ao mercado?

"A través dunha empresa. Empezar a producir. Nun primeiro momento comercializalo a nivel local, instalalo en todos os Concellos, como dixen na presentación do proxecto, en Madrid. Posteriormente en toda España e mesmo a saír ao exterior, en todo o mundo. Este produto pódese exportar a calquera lugar, a calquera país. Dependería da capacidade de produción".

Como xurdiu a idea?

Pódoche asegurar que a idea a teño dende hai aproximadamente dez anos, o que acontece é que descoñecía como poñela en práctica.

Foi a través dun curso de Arduino onde puiden descubrir como materializar o que tiña na miña cabeza. Todo isto pódese facer a través dun dispositivo minúsculo".

Que idea tiñas cando presentante o teu proxecto? Pensabas que poderías gañar? Como viches o resto de proxectos?

"A verdade é que o resto de proxectos púidenos ver por enriba. Eu sabía que o meu era o único diferente, o único que inventaba.

O meu proxecto era o único industrial, o único proxecto do sector secundario, o resto eran todos sector terciario. Non estaban orientados á produción senón cara ao consumidor.

Presenteime co nerviosismo de intentar explicar algo que non existe, a alguén que non sabe do que lle estás a falar. Para iso axudeime dunha lanterna "de apertar", que serviu como exemplo gráfico do que lles quería contar".

Como decidiches presentarte aos premios?

"Puiden coñecer estes premios a través de Carmen Delia García Fuentes de la Fuente, coordinadora do COIE no Centro Asociado e profesora titora. Estaba a realizar un curso na Escola de Organización Industrial que organiza a UNED, cando Carmen Delia nos informou tanto dos premios Start UP como os CMETT. Moi vinculados entre eles por cuestións de mentoring e asesoramento.

E agora encóntrome na liña de saída para intentar fabricar".

Por que cres que o teu proxecto resultou gañador?

"Penso que tiveron en conta que se trababa dun proxecto ecolóxico, moi sostible e innovador.

Cando o xurado revisou a memoria que entreguei, puido descubrir como este proxecto o que fai é reciclar algo que se está a tirar. A enerxía de freada dun coche desperdíciase, non se usa. Reutilizamos enerxía que se está desbotando".

Coa túa creatividade, imaxino que xa estarás pensado nunha ou varias ideas máis.

"Si, estou ...Tengo máis dun proxecto en mente".

Máis información aquí.

------------------------~()~-----------------------

Síguenos en Facebook.

Horarios provisionais+info
Buscamos galegofalantes. +info
Nexus Event SAEE UNED A Coruña 2024+info
Día del Libro 2024. Buscamos tus recomendaciones. ¡¡Participa!!+info
UNED Sénior A Coruña
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es