Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Prepara os teus exames

9 de enero de 2015

Analiza e procesa os temas de estudo de forma eficaz.

TÉCNICA DO SUBLIÑADO

Este é un proceso que che axudará a destacar o relevante da información que imos lendo, facilita a axilidade de lecturas posteriores e, máis adiante, que che servirán para estruturala e sintetizala.

  • Lectura rápida do texto: permíteche ter unha visión global do contido do texto. O obxectivo é comprendelo de forma xenérica, sen detalles.
  • Lectura parágrafo a parágrafo: subliñar as palabras clave que representan as ideas principais e as ideas secundarias, así como os detalles de interese. Pódese facer por cores, trazos, etc.
  • En caso necesario, xunto a cada parágrafo podes facer anotacións á marxe, en forma de palabra clave, para explicitar aspectos que aínda que non se din abertamente no texto, van resultar útiles para a organización da información nos esquemas.
  • Utilizar signos, frechas ou símbolos que axuden a precisar, destacar ou relacionar uns contidos con outros.
  • Cando pola súa importancia sexa necesario subliñar varias liñas seguidas, é máis práctico situalas entre corchetes ou paréntese.

Vantaxes desta técnica:

  • Desenvolve a capacidade de análise e observación.
  • Facilita a comprensión e a estruturación de ideas.
  • Obriga a formularnos que é o principal e que é o secundario.
  • O estudo faise máis activo; obríganos a fixar máis a atención.
  • Facilita o repaso e a relectura rápida do texto.

Erros máis comúns no subliñado:

  • Subliñar antes de realizar unha lectura completa; non se apreciará a diferenza de ideas principais e secundarias.
  • Subliñar en exceso, non soamente as palabras clave.

TÉCNICA DE SÍNTESE

Vantaxes de sintetizar o texto:

  • Aclarar a estrutura do tema entresacando o esencial e o importante.
  • Ordenar xerarquicamente as ideas.
  • Acoutar a extensión do texto que se debe estudar.
  • Facilitar o repaso.
  • Determinar con antelación que é o que haberá que poñer no exame e que é o que se pode omitir.
  • Facilitar o estudo activo.

Tipos de técnicas de síntese:

1.- Resumo. Facer un resumo consiste en sintetizar a información da forma máis breve posible, utilizando unha linguaxe propia, destacando:

  • A idea principal do texto.
  • As partes que ten.
  • O tema de cada parte.
  • As opinións do autor.
  • A opinión propia.

Características dun bo resumo:

  • Brevidade.
  • Claridade.
  • Xerarquía.
  • Integridade.

2.- Esquema. É a representación xerárquica dun texto.

Características dun bo esquema:

  • Brevidade.
  • Estrutura: conseguir que se reflicta á primeira vista a estrutura interna de todo o tema, así como as relacións que hai entre as súas partes.
  • Simbolismo: empregar, frechas, puntos, recadros, chaves, debuxos alegóricos, palabras claves, etc.

3.- Cadro comparativo

Consiste nun cadro de dobre entrada que permite organizar a información de acordo cuns criterios previamente establecidos. A finalidade principal é establecer as diferenzas entre os conceptos que se tratan.

4.- Mapas conceptuais. Representan as relacións significativas entre conceptos en forma de proposicións. Está considerado como unha das ferramentas principais para facilitar a aprendizaxe significativa: integrar os conceptos nunha estrutura organizativa da información, caracterizada pola xerarquía.

Debemos ter en conta:

  • Elección de signos conceptuais clave do texto.
  • Busca de conceptos relevantes na estrutura cognitiva.
  • Construción de proposicións entre os conceptos que se proporcionan e os conceptos que xa se coñecen (a través dos enlaces).
  • Distinción entre os obxectos ou acontecementos concretos e os máis xerais que inclúan estes acontecementos ou obxectos.

Para avaliar un mapa conceptual, analizar:

  • Proposicións: a relación entre dous conceptos debe indicarse mediante a liña que os une e a palabra de enlace correspondente.
  • Xerarquía: cada un dos conceptos subordinados debe ser máis específico que o concepto que hai debuxado sobre el.
  • Conexións cruzadas: deben sinalarse enlaces se existen relacións significativas entre elementos pertencentes a distintas xerarquías conceptuais.
  • Exemplos: haberán de facer referencia a acontecementos ou obxectos que sexan concrecións válidas do que designa o termo conceptual.

5.- Fichas e ficheiros. Unha información relativamente breve sobre un concepto específico. Poden ser útiles:

1. Para aclarar conceptos específicos nos temas nos cales non poden facerse esquemas, tales como:

  • Glosarios de termos dun ámbito de estudo.
  • Fórmulas en ciencias.
  • Dicionarios de idiomas.

2. Para recoller información a través dunha busca por múltiples fontes sobre un tema concreto.

6.- Listas de conceptos. Cando non vaiamos requirir unha clasificación destes. Resultan de grande utilidade no repaso daqueles termos dubidosos ou confusos, ademais de que a súa elaboración resulte relativamente áxil.

Máis información aquí.

Fonte: Araceli Sebastián, Belén Besteiros e Mª Fe Sánchez. TÉCNICAS DE ESTUDO. COIE UNED.

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es