Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Finalizada a primeira edición da Feira de Emprego na UNED A Coruña

14 de junio de 2018

Uns cen alumnos accederon, durante a mañá de onte, aos cinco talleres programados e contactaron coas empresas participantes.

A xornada do martes reuniu, desde as 10:00 horas, ao redor de cen alumnos das distintas titulacións que oferta a UNED, na planta baixa do Centro Asociado coruñés para unha toma de contacto directo co mundo empresarial.

As empresas expositoras desprazáronse co propósito de ofrecer información aos asistentes ao redor das posibilidades de emprego nos diferentes sectores a modo de recrutamento dos recentemente egresados universitarios; perfís de candidatos máis demandados; programas formativos laborais activos; diferentes vías de acceso á oferta de prácticas e proposta de bolsas.

Estiveron presentes ABANCA, o Colexio Profesional de Economistas da Coruña, as Forzas Armadas -a través da Subdelegación de Defensa na Coruña, GADISA, Temporing ETT, Seguros OCASO e VEGALSA-Eroski.

Nun dos momentos de descanso puidemos falar con Iván Dobarro, alumno de terceiro curso de Dereito "a miña principal motivación para asistir a esta feira é localizar prácticas en despachos xurídicos ou de Recursos Humanos" -comentaba- María Jesús Fernández, alumna de cuarto curso de Psicoloxía explicaba: "a feira é importante para buscar oportunidades e atopar prácticas para empezar no mundo laboral". Jonathan Lema é alumno de Psicoloxía e relataba o interesante que lle parecía o estand das Forzas Armadas: "deberían participar máis ministerios; diferentes administracións públicas, mesmo se podían incorporar mesas informativas sobre o acceso ao emprego público". Os tres referíanse á Feira como "unha iniciativa moi positiva" e comentaban a posibilidade de aumentar a idade xeneralizada de trinta anos para realizar as diferentes prácticas en empresas.

De forma paralela, no salón de actos do Centro desenvolvéronse cinco talleres formativos -no formato de presentacións breves- onde se deron as claves para un mellor afrontamiento de entrevistas de traballo; análise e revisión do currículo ou como identificar os recursos individuais fronte á demanda actual de perfís laborais.

Ana Luisa Colino Galego, desde o Centro Municipal de Emprego do Concello da Coruña, abría a rolda de relatorios coa presentación "A Inserción laboral no ámbito local", onde se fixo unha panorámica dos distintos servizos que o concello coruñés dispón en relación á procura de emprego e o emprededurismo.

O segundo taller, "Prácticas e saídas laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais", estivo a cargo de María Morgade Cortés, desde a Fundación Galicia Europa. Nesta sesión ofreceuse unha visión de toda a oferta de bolsas no ámbito da Unión Europea para egresados e alumnos de últimos cursos. Falouse, así mesmo, das redes de información activas e as especialidades temáticas.

Na terceira quenda interveu Cristina Couto Palla, desde Europe Direct-Deputación da Coruña, coa presentación "Redes de Información Europea. Oportunidades na web". Couto falou dos portais de traballo máis convenientes relativos aos estándares de oportunidades e o público aos que van dirixidos, como ferramentas eficaces na procura activa de emprego. Dentro destes espazos están os portais da Unión Europea, de interese, en especial, para alumnos ou titulados que teñan previsto desprazarse ou para reasignados polo MEC como asesores de alumnos egresados.

Alba Pardo Servia, xerente de INNOVA, participou en cuarto lugar a través da súa intervención "Craves para a procura de emprego por conta allea". Propuxo a todos os asistentes un cambio de mentalidade - con altas doses de motivación- na forma de procura de emprego. Convidou a realizar un necesario traballo de introspección individual como ferramenta de detección de potenciais fortalezas para un maior empoderamiento persoal e profesional.

O peche de presentacións curtas correu a cargo de Ana Eiroa Enjamio, directora de zona de Galicia de Temporing ETT, co relatorio "Traballemos para crecer". Eiroa referiu o abanico de servizos que ofrece o seu proxecto como estímulo e soporte na tarefa de ofrecer unha candidatura a un posto de traballo, desvelou a vantaxe competitiva que supón para iniciarse en mundo laboral a través da xestión que fan das bases de datos de empresas.

Esta primeira Feira destacou pola participación activa de empresas, que a modo de resumo resaltaban as calidades dos candidatos e alumnos UNED como estudantes disciplinados e responsables que achegaban ao escenario laboral un perfil excelente.

A organización da Feira estivo a cargo da coordinación de Extensión Universitaria, a través da súa responsable Laura Sánchez e do Centro de Orientación, Información e Emprego ( COIE) do Centro Asociado, con Carmen Delia García-Fuentes á fronte.

Accede á presentación da I Feira de Emprego UNED A Coruña

Horarios provisionais+info
Buscamos galegofalantes. +info
Nexus Event SAEE UNED A Coruña 2024+info
Día del Libro 2024. Buscamos tus recomendaciones. ¡¡Participa!!+info
UNED Sénior A Coruña
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es