Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

O vicerreitor de Profesorado e Planificación da UNED, Miguel Miguens Vázquez, inaugurou o Curso Académico 2018/2019 no Centro Asociado da Coruña

17 de octubre de 2018

Durante o acto, entregáronse os diplomas aos titulados e tituladas no curso 2017-2018. Tamén tivo lugar un recordo paraJosé Antonio López Rey, titor do Centro falecido recentemente .

O pasado xoves 11, os alumnos e alumnas que finalizaron os seus estudos de Grao e Máster no Centro UNED da Coruña recolleron os seus diplomas nun acto que contou coa presenza de diferentes autoridades, procedentes do ámbito de institucións militares, policiais, políticas e locais, así como de representantes da vida académica do Centro Asociado.    

O acto oficial de Apertura de Curso, que comezaba ás 19:00 horas, estivo presidido polo vicerreitor de Profesorado e Planificación da UNED, Miguel Miguens Vázquez, acompañado de Silvia Cameán Calvete, concelleira de Xustiza social e coidados do Concello da Coruña, Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado UNED A Coruña e coordinador Tecnolóxico de Campus Noroeste, Josefina Martínez Álvarez, lectora inaugural deste ano e Ana Mónica Novo García, secretaria xeral de Centro Asociado.    

Durante a entrada da comitiva académica, a Coral “El Eco” interpretou o Canticorum lubilo, como preludio a unha cerimonia na que se reiterou a importancia da educación actualizada, de calidade e integradora; tres características que son propias da UNED.

 

Resumo da Memoria Anual do Curso 2017/2018

   A secretaria xeral do Centro, Ana Mónica Novo García, deu lectura á memoria anual do curso 2017/2018, na que se destacou o incremento do alumnado e profesorado do Centro con respecto a anos anteriores.

   Sinalou que as sedes da Coruña e Ferrol contaron con 114 titores e titoras que desempeñaron as súas funcións en 513 materias, tanto nas 27 titulacións de Grao como nos Másteres oficiais, os Cursos de Acceso para maiores de 25, 40 e 45 e anos e o CUID. O Centro contou con 8.705 estudantes, dos cales 4.278 estaban matriculados en ensinos regrados e 4.427 en cursos de extensión universitaria e divulgación cultural; o que consolidou o programa de valija virtual que, no curso 2017-18, resultou na realización de 14.844 exames no Centro. 

 Imaxe: Ana Mónica Novo García, secretaria xeral do Centro UNED A Coruña, no momento da lectura da memoria anual.

  A secretaria xeral destacou “o incremento do interese nos idiomas entre os nosos estudantes, o que supuxo que o pasado curso iniciásense as titorías semipresenciais de inglés C1 e francés B2.” Tamén a acollida do Grao en Criminoloxía, ofertado no Centro desde o curso 2016/2017, “que se posicionou entre un dos máis demandado polos nosos estudantes”. Tamén apuntou as 65 actividades desenvoltas en Extensión Universitaria, entre as que destacan os 17 cursos homologados pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) celebrados principalmente na aula de Ferrol (dos que foron beneficiarios 1.684 alumnos e alumnas), o Curso de Verán “Novas vías profesionais nos Centros Penáis” celebrado no Centro Penal de Teixeiro en xullo deste ano e a I Feira de Emprego do Centro UNED A Coruña. 

 

  Fixo unha mención especial o labor realizado por Luis Ángel Rodríguez Patiño, Coordinador da UNED Sénior, impulsando este programa esencial para o Centro que no curso pasado ha contado con máis de 589 estudantes e, ademais, estendeuse aos concellos da Baña e Porto do Son. Tamén resaltou o compromiso e participación na dinamización da vida do Centro levada a cabo pola Delegación de Estudantes, representada pola delegada de Centro, Mariña Calvo Durán; o traballo realizado na xestión de convenios con empresas e a atención personalizada aos estudantes, desenvolto pola coordinadora do COIE, Carmen Delia García-Fuentes de la Fuente; e agradeceu o labor realizado polo coordinador Tecnolóxico, José Manuel Varela Senra, a coordinadora de Extensión Universitaria, Laura Sánchez Pérez e dos 14 membros do persoal de administración e servizos do Centro.

  Ana Mónica Novo tamén lembrou ao profesorado que abandonou a función tutorial no Centro, algúns tras 30 anos de dedicación, agradecendo o labor realizado por Benito Arbaizar, Javier Fondevila Gómez, Carmen Delia García-Fuentes de la Fuente, Esteban García Martín, Agustín Pérez-Cruz Martín, Juan Luís Pía Igrexas e Araceli Torres Miño. Finalmente, dedicou un sentido recordo a Jose Antonio López Rey, titor do Centro falecido o pasado ano.     

Resumo da memoria anual de curso 2017/2018 (en castelán).

 

 Lección Inaugural

  Josefina Martínez Álvarez, profesora de Historia Contemporánea da UNED, foi a encargada da lección inaugural do curso, titulada “O cinema: un combatente máis. A difícil neutralidade de España durante a Gran Guerra”. Con motivo do centenario do armisticio da I Guerra Mundial, que se asinou o 11 de novembro de 1918, a relatora explorou a propaganda fílmica dos belixerantes, presentou como eramos entón e reflexionou sobre a neutralidade española e a presión dos contendentes a través dunha formidable exposición de relatos, imaxes e películas da época.

  

Imaxe: Josefina Martínez Álvarez, lectora inaugural.

Na súa exposición, analizou o uso do cinema polos diferentes imperios que, tras nacionalizalo, crearon unha industria propia. Tamén incorporou datos sobre como afectou a Gran Guerra a Galicia e resaltou a importancia da cidade herculina nese momento histórico. Falou das dúas salas de cinema que había na cidade, o Pavillón Liño (1906-1919) e o Salón Vila de París (1909-1999), xa que A Coruña tiña bastante produción cinematográfica, a pesar de que apenas se conservan 3 filmes daquela época; un deles, a chegada do tren “Porrón” da Coruña á estación de Betanzos (1915), foi reproducido durante a exposición, mostrando como o cinema se converteu no maior medio de comunicación  modelador das mentalidades: ao “pasar da imaxe impresa e estática en papel ao movemento do cinema foi un salto cuántico”, o que favoreceu o xurdimento da propaganda política directa e o uso do cinema como ferramenta de propagación de idearios concretos.

 

  Con todo, Josefina Martínez terminou a súa exposición falando da paz, mostrando como as mulleres usaron o cinema para pedir que os seus familiares volvesen sans da guerra.    

Resumo da lección inaugural (en castelán).

Presentación realizada por Josefina Martínez Álvarez (en castelán).

 

 Defensa da educación de calidade e igualitaria 

  Germán Carro Fernández, director do Centro da Coruña, comezou o seu discurso agradecendo ao vicerreitor de Profesorado e Planificación a súa colaboración e apoio ao Centro para garantir o adecuado servizo académico do mesmo. Pero tamén resaltou o orgullo que significa para o Centro da Coruña que un antigo alumno, Miguel Miguens, estea a achegar co seu traballo á UNED o que un día recibiu dela. 

 No seu discurso, o director recalcou o esforzo do Centro Asociado por “potenciar o carácter social e académico á vez, vinculando sempre o labor de académicos de prestixio como complemento á teoría impartida”. Por iso, agradeceu á relatora inaugural, Josefina Martínez Álvarez, o seu esforzo neste sentido, destacándoa como referente na aplicación da investigación á docencia na UNED.

  Germán Carro defendeu a educación e a formación como base da sociedade “elementos capaces de transformar sistemas produtivos a través da cualificación, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico, social e humano, e nexo fundamental entre a empresa e a sociedade”, especialmente na contorna de competencia europeo actual. Resaltou igualmente que, a pesar das restricións orzamentarias sufridas, no Centro da Coruña séguese traballando día a día para ofrecer servizos e posibilidades de estudo de calidade ao noso alumnado; por iso, animou ás institucións políticas “a traballar por e para a educación e comprometerse coa formación universitaria e a investigación”. Agradeceu ao Consorcio Universitario da UNED A Coruña as súas accións e a súa implicación, respectando e entendendo a acción social local que o Centro realiza e solicitoulles “que o sigan referendando con feitos que permitan mostrar orgullosos ese apoio á cidadanía”. 

  Imaxe: Germán Carro Fernández, director do Centro UNED A Coruña. 

  Sinalou o esforzo do Centro por actualizar, mellorar e adaptarse aos tempos para que os nosos estudantes poidan facelo, sendo un reflexo deste esforzo o éxito na implantación do Grao en Criminoloxía e a sincronización entre os medios tecnolóxicos e humanos que permiten ao noso alumnado aproveitar a “motivación para a formación e a investigación a través das aulas, tecnoloxías e servizos que vos ofrecemos.” Tamén lembrou o importante labor social local do Centro, xa que “a UNED traslada a cultura e a divulgación a lugares onde ningunha outra universidade chega: centros penais, zonas rurais, persoas maiores, emigrantes que tiveron que deixar España e que queren seguir estudando connosco, discapacitados, e por suposto, fogares onde o tempo escasea, a homes e mulleres que deben lidar con responsabilidades laborais, familiares… ou a persoas desempregadas que buscan unha maior cualificación para ampliar as súas alternativas laborais.”   

Discurso do director do Centro Asociado (en castelán).

 

 Silvia Caméan, concelleira de Xustiza social e coidados do Concello da Coruña, referendou a necesidade da educación como base fundamental da sociedade, avogando e defendendo a educación pública e de calidade, xa que “é o mellor investimento que pode facerse para unha sociedade”. Tivo un recordo especial para o profesorado que traballa por “unha educación flexible e adaptada ás necesidades de cada persoa” e recalcou os valores que representa a UNED en materia de accesibilidade e igualdade de oportunidades, como resposta á diversidade e visibilización da mesma.   

  Imaxe: Silvia Cameán Calvete, concelleira de Xustiza social e coidados do Concello da Coruña.

Recollida de diplomas e Inauguración do curso académico 2018/2019

  Finalizadas as intervencións, procedeuse á entrega dos diplomas ás tituladas e titulados presentes. Este foi, sen lugar a dúbida, o momento máis emotivo e esperado da cerimonia.

  O vicerreitor de Profesorado e Planificación retomou o tema da igualdade e diversidade como valores da UNED, lembrando que esta Universidade acolle “ao 50% dos estudantes deste país con algún tipo de discapacidade”, polo que a “dimensión social da UNED é algo que leva no seu ADN”.  

  Imaxe: Miguel Miguens Vázquez,vicerreitor de Profesorado e Planificación da UNED.

  Miguel Miguens Vázquez, antes de inaugurar oficialmente o curso académico en nome do Reitor, quixo resaltar a honra persoal de levalo a cabo na Coruña, como exalumno do Centro e tamén lembrou de forma especial a José Antonio López Rey, “Pepe, compañeiro e amigo”.

Finalmente, despois de felicitar aos e as estudantes recentemente titulados e ás súas familias, o vicerreitor de Profesorado e Planificación declarou aberto o curso académico 2018/2019 no noso Centro, tras o cal o acto finalizou coa interpretación do Gaudeamus Igitur e o Himno galego por parte da Coral “El Eco”.   

 

Parabén ás tituladas e titulados!

 

    

Crónica: Laura Sánchez Pérez, coordinadora de Extensión Universitaria do Centro UNED A Coruña. 

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña           

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es