Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

A UNED da Coruña e o Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña (ICP A Coruña-CEPROC) asinan un convenio de colaboración educativa

2 de mayo de 2019

A sinatura oficial tivo lugar na sede do ICP A Coruña-CEPROC o pasado martes 30 de abril

A vicedecana do Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña, Dª. Carmen Belo González e o director do Centro UNED A Coruña, D. Germán Carro Fernández, asinaron na tarde do 30 de abril un convenio destinado á cooperación, complementación e intercambio académico, científico e cultural entre ambas as entidades. 

Tanto o Centro UNED A Coruña, como o ICP A Coruña-CEPROC teñen obxectivos e intereses comúns nos campos académico, científico, cultural e social. Neste sentido, o Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña creou recentemente un Centro de Estudos cuxa finalidade é organizar actividades permanentes de formación e perfeccionamento profesional dos seus colexiados e colexiadas, colaborar con outros centros de formación de ámbito profesional e/ou académico, e proxectar a profesión da Procura cara á sociedade, tanto no ámbito local, como autonómico, nacional e internacional.

  • Imaxe: D. Germán Carro Fernández, director do Centro UNED A Coruña e Dª. Carmen Belo González, vicedecana do Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña.

No plano formativo, ambas as entidades concordaron deseñar, organizar e promover o intercambio de actividades formativas que resulten interese para os e as estudantes universitarios, especialmente dos graos e másteres de Dereito, e para os e as profesionais da Procura.

A realización de conferencias, cursos, programas de formación e actualización profesional, reportarán un beneficio académico, científico e cultural a estudantes e profesionais de ambas as partes, ofrecendo unha formación continuada de calidade, especializada, que permita adquirir competencias e coñecementos fundamentais dentro da programación de Extensión Universitaria e Divulgación Cultural.

É por iso que se acordou que o persoal colexiado do ICP A Coruña-CEPROC poderá beneficiarse dunha bonificación no prezo da matrícula dos cursos de Extensión Universitaria do Centro UNED A Coruña (incluída a Aula UNED de Ferrol).        

Ambas as entidades decidiron sumar os seus esforzos para obter melloras nos servizos que prestan á sociedade, mellorando os programas de formación e actividades que cada unha vén realizando por separado, e promovendo a transferencia de coñecementos entre ambas as institucións, os seus estudantes e profesionais. Outras accións previstas no convenio son as de desenvolver proxectos de investigación, así como facilitar o uso das instalacións físicas para eventos de carácter académico e cultural.

Seguindo o establecido nas bases do convenio, tras a firma tivo lugar a designación dos coordinadores do convenio, nomeados por cada parte para planificar e coordinar as actividades derivadas do mesmo, resultando elixidos, por parte do ICP A Coruña-CEPROC, D. Lotario Vilaboy Lois, procurador, profesor titular da USC e profesor-titor do Centro UNED A Coruña e, por parte da UNED, Dª Ana Mónica Novo García, secretaria xeral e coordinadora académica do Centro, ambos presentes na sinatura do convenio.

  • Imaxe (de esquerda a dereita): D. Lotario Vilaboy Lois, procurador, profesor titular da USC e profesor-titor do Centro UNED A Coruña; Dª Ana Mónica Novo García, secretaria xeral e coordinadora académica do Centro UNED A Coruña; D. Germán Carro Fernández, director do Centro UNED A Coruña e Dª. Carmen Belo González, vicedecana do Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña.

Tras a reunión que seguiu á firma oficial sentaron as bases das próximas accións conxuntas que se materializarán nos próximos meses: a participación do Colexio na II Feira de emprego do Centro UNED A Coruña (que se celebrará o mércores 12 de xuño) e a cesión de instalacións da UNED para a realización dun curso de informática para os e as colexiados.

O Ilustre Colexio de Procuradores da Coruña tivo a súa constitución definitiva en 1875 sobre o establecemento dun Colexio único do que formasen parte así os Procuradores con título para exercer ante a Audiencia, como os que só o tiñan para exercer nos xulgados, gozando uns e outros dentro da Corporación dos mesmos dereitos. Así, o seu principal obxecto era a equitativa distribución dos cargos entre os que actuaban nos Tribunais existentes na localidade, a boa orde da Corporación e o decoro, a fraternidade e disciplina dos colexiados.

Máis información no servizo de Secretaría do Centro Asociado da UNED A Coruña (981 14 50 51 / info@a-coruna.uned.es)

>>Nota de Prensa<< 

-------------------------{}------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

YouTube

Bloge UNED Sénior A Coruña

Convocatoria prazas de profesor tutor curso 2019/2020+info
PLAN DE ACOGIDA. CURSO 24-25. BIENVENIDO A UNED A CORUÑA+info
Compra tus libros. Pedido on line. Librería UNED A Coruña 
+info
Información Evaluación 2020+info
AVISO: A Biblioteca da sede da Coruña permanecerá pechada o luns 14 de xuño en horario de mañá. Desculpen as molestias.+info
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es