Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Convenio da UNED Sénior co Concello de Padrón

12 de febrero de 2019

O Centro UNED da Coruña asina un convenio co Concello de Padrón e a Asociación Maisdetres para a realización de actividades de formación enmarcadas no Proxecto UNED-Sénior

O alcalde de Padrón, D. Antonio Fernández Angueira, a presidenta da "Asociación para o desenvolvemento rural e labrego Maisdetres", Dª. Carme Freire Cruces e o director do Centro UNED A Coruña, D. Germán Carro Fernández, asinaron na mañá do 12 de febreiro un convenio destinado a que os estudantes da UNED Sénior da Coruña poidan desenvolver accións formativas neste concello.

A sinatura do convenio co Concello de Padrón supón a ampliación do espazo formativo destinado ao alumnado máis veterano do Centro, acercando a Universidade a zonas onde non ten presencia habitualmente.

Coa suma deste concello, son 12 as localidades do ámbito rural onde os maiores de 55 anos poden desenvolver accións formativas no marco do Programa Sénior da UNED da Coruña. Neste momento os municipios colaboradores son A Baña, Aranga, Boiro, Guitiriz, Irixoa, Lousame, Monfero, Paderne, Padrón, Porto do Son, Rianxo e Xermade. 

Á sinatura do convenio tamén asistiron Lorena Couso Dopazo, concelleira de Cultura, Política Lingüística, Turismo, Comercio, Centro histórico, Mocidade e voluntariado, Igualdade e Muller e Información e comunicación de Padrón, e Luis Rodríguez Patiño, coordinador da UNED Sénior do Centro UNED da Coruña. 

Durante a reunión, Antonio Fernández Angueira destacou o labor cultural do Concello de Padrón, non só por ser o berce de personaxes ilustres como Rosalía de Castro e Camilo José Cela, senón tamén pola súa implicación e interese na dinamización social, cultural e educativa dos seus habitantes. 

 

Carme Freire Cruces reafirmou a importancia deste concello, sinalando que pode ser un importante enclave para a dinamización rural da comarca do Sar en temáticas nas cales Padrón está a ter unha especial e innovadora relevancia.

Pola súa banda, Germán Carro Fernandez subliñou a importancia do programa Sénior xa que é un importante foco dinamizador da cultura que facilita a formación especializada para o alumnado máis veterano e achega a universidade á contorna rural. 

As conversas levadas a cabo polas distintas institucións durante os últimos meses resultaron nun acordo que se materializará de inmediato. Tanto é así que xa están programadas dúas actividades da UNED Sénior neste concello para o segundo cuatrimestre.

  

  • Imaxe (de esquerda a dereita): Dª. Carme Freire Cruces, presidenta da "Asociación para o desenvolvemento rural e labrego Maisdetres"; D. Germán Carro Fernández, director do Centro UNED A Coruña; D. Antonio Fernández Angueira, alcalde do Concello de Padrón; Dª. Lorena Couso Dopazo, concelleira de Cultura, Política Lingüística, Turismo, Comercio, Centro histórico, Mocidade e voluntariado, Igualdade e Muller e Información e comunicación de Padrón, e Luis Rodríguez Patiño, coordinador da UNED Sénior do Centro UNED da Coruña.

Os obxectivos que ten o programa para maiores da UNED son, entre outros, ofrecer formación en temáticas de interese a persoas de máis de 55 anos, proporcionar coñecementos, aprendizaxes e estratexias para o desenvolvemento integral e a súa autonomía persoal, estimular a comunicación efectiva a través das relacións interpersoais e do encontro interxeracional ou favorecer o coñecemento da súa contorna cultural.

Coa suma de Padrón, tras a firma do acordo, fortalécese a oferta de estudos para este sector da sociedade que concluíu a súa vida laboral e que demanda un novo tipo de formación, actualizada e adaptada ás súas inquietudes e intereses culturais.

Máis información na Secretaría UNED A Coruña (981 14 50 51 / info@a-coruna.uned.es)

>>Nota de prensa<<

-------------------------{}------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es