Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

Máis de 240 estudantes seguiron en directo a conferencia de Ana Álvarez Veira sobre a indumentaria medieval

18 de diciembre de 2018

A relatora realizou un profundo percorrido po la historia do traxe, presentando a sociedade e costumes dos distintos estamentos medievais. A conferencia gratuíta foi seguida por estudantes de case todas as provincias e de centros no estranxeiro

O pasado xoves 13 de decembro, Ana Álvarez Veira presentou a conferencia “Crónicas indumentarias: aproximación á interpretación das indumentarias medievais” no Centro da Coruña. A actividade, de inscrición gratuíta, suscitou un enorme interese entre o alumnado da UNED.     

Así, 244 persoas puideron seguir a conferencia tanto de forma presencial no salón de actos da sede da UNED na Coruña, como a través de internet xa que, como é habitual neste tipo de actividades, emitiuse en streaming directo, o que permitiu que tanto o alumnado doutras provincias, como no estranxeiro, puidesen seguir a conferencia, chegando a lugares tan distantes como Roma, Nova Deli e os estados de Quintana Roo e Iucatán en México.      

Ana Álvarez Veira explorou as diversas funcións e definicións das vestimentas e indumentarias a través da historia: desde as covas de Cogull (no período mesolítico), pasando pola indumentaria ritual en Quetzacoalt, ata o uso da tea vaqueira nos hábitos dunha congregación de monxas actuais.   

A exposición non só foi un percorrido polas diferentes roupas, tecidos e complementos característicos da etapa medieval (dos cales houbo múltiples exemplos), senón que se penetrou en diferentes visións e percepcións teóricas sobre este tema, desde Yvonne Deslandres, a Desmond Morris e Sonia Delauny. Abordouse o debate sobre a moda versus a indumentaria, o traxe como obxecto artístico, mesmo como escultura, como elemento museizable, etc. Tamén se falou de reproducións e anacronismos (especialmente no cinema e a televisión). Presentáronse exemplos da vestimenta ritual, militar, funeraria, cotiá, cortesá, da realeza, gremial, monacal, eclesiástica, de peregrinaxe, etc. Unha perspectiva ampla que, baixo diferentes variables (xénero, status, etc.), exploraba as diferenzas entre os usos, funcións e representacións da vestimenta nesa época.      

O público asistente na sala, ademais, puido ver de preto a reprodución dun tocado que a relatora trouxo consigo, xa que como ben apuntou, este complemento é recoñecido como unha “imaxe da idade media”, unha vestimenta “caprichosa” e que xeraba “competencia das cortesás”.      

Ana Álvarez Veira sinalou que o seu interese é “poñer o acento e o foco na Historia do traxe porque interactúa coa historia do ser humano”, xa que como apuntaba María J. Loira Enríquez, profesora-titora de Historia do Centro da Coruña, na presentación da relatora, “co traxe explícanse datos sociais, económicos, políticos e históricos” que son esenciais para entender os procesos e contextos históricos. E, neste sentido, a relatora fixo unha exposición excepcional sobre a historia social das cortes medievais a través dos usos e costumes dos diferentes estamentos sociais, apuntando datos curiosos sobre a utilidade e liberdade que ofrecían determinadas roupas, os impedimentos que tiñan no seu uso, as representacións e o simbolismo asociado, etc.

Finalmente, como alumna da UNED da Coruña, a relatora quixo ter un recordo especial para os seus profesores de Historia, facéndolles chegar o seu agradecemento persoal. 

-------------------------{}------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es