Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

"Destacouse a importancia da documentación e da colaboración entre especialistas de diferentes ramas do saber"

20 de febrero de 2017

María Magdalena Caamaño, durante a charla "Ser tradutor e intérprete xurídico-xudicial e vivir para contalo. A importancia dos tradutores na Xustiza".

O venres pasado tivo lugar na sede da UNED na Coruña e en sesión de mañá, a charla ou "Ser tradutor e intérprete xurídico-xudicial e vivir para contalo. A importancia dos tradutores na Xustiza". Á fronte da actividade que se desenvolveu de forma presencial estaba María Magdalena Caamaño González, tradutora de inglés, francés, alemán, portugués e catalán; especializada en tradución xurídica, institucional e mediación social, graduada pola Universidade Autónoma de Barcelona en 2014 en Tradución e Interpretación. Caamaño estivo acompañada por Jonathan Lema Touriñán, responsable da Sección de Ciencias Económicas e Empresarialesde da Delegación de Alumnos do Centro Asociado durante a presentación á que se rexistraron sesenta inscritos.

"Durante a exposición introduciuse o labor dunha figura a miúdo esquecida e non por iso menos necesaria. «Vivir para contalo» refírese a que, a día de hoxe, os tradutores adoitamos ser autónomos polo que temos que facer un pouco de todo, en ocasións prazos moi curtos: negociación cos clientes, márketing, contabilidade, edición, maquetación, etc.

Presentouse o marco xurídico da profesión, vendo as normativas, normas de calidade e códigos deontolóxicos existentes. Durante o debate posterior destacouse a necesidade de actualización da normativa para mellorar as garantías procesuais e os servizos de tradución e interpretación.

Para introducir a tradución propiamente dita, fíxose unha presentación das diferentes tipoloxías de textos xurídicos (cf. Borja Albir, 2007), na que se destacou a fusión de textos doutras disciplinas dentro dos puramente xurídicos; véxase informes médicos, manuais de instrucións, artigos xornalísticos, etc. Por este motivo, entre outros, destacouse a importancia da documentación e da colaboración entre especialistas de diferentes ramas do saber. Para iso presentáronse diferentes textos  sen datos persoais, para cumprir coa Lei de Protección de Datos.

En canto á interpretación, puxéronse exemplos prácticos en diferentes contextos nos que se pode exercer: na comisaría de policía, nos centros penais, nos xulgados e nos institutos médico-legais. Por último, destacou a necesidade de desenvolver as capacidades interpersoais, sobre todo no caso de declaracións de vítimas e ofreceuse unha serie de bibliografía de tradución xeral e especializada".

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña 

Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es