Mapa web
Youtube
Instagram
Campus UNED

49 titulados recolleron os seus diplomas durante o Acto Oficial de Inauguración de Curso Académico 2016/2017 do Centro Asociado UNED A Coruña

24 de octubre de 2016

O pasado venres 21 de outubro, máis de corenta titulados puideron recoller os seus diplomas acreditativos, ante a presenza de María Esther Souto Galván, vicerreitora de Investigación e Internacionalización da UNED, José Manuel Sande García, presidente do Padroado UNED A Coruña e concelleiro de Cultura e Coñecemento no Concello da Coruña, Patricia Rodríguez Franco, delegada territorial na Coruña da Xunta de Galicia, acompañados de Germán Carro Fernández, director da UNED A Coruña, Manuel Alonso Castro Gil, lector inaugural e Ana Mónica Novo García, secretaria xeral de Centro Asociado.

O acto, que se iniciou ás 18.30 horas e desenvolveuse integramente no salón de actos da sede da UNED A Coruña, contou coa presenza de autoridades procedentes do ámbito de institucións militares, policiais e locais, así como de representantes da vida académica do Centro Asociado.

Lectura do resumo da Memoria Anual do Curso 2015/2016

Como en anos anteriores, a secretaria xeral de Centro Asociado, Ana Mónica Novo García, abriu a quenda de intervencións cunha presentación, a modo de resumo, da memoria anual do curso 2015/2016. Como datos a destacar, cabe resaltar o número de estudantes vinculados ao Centro Asociado coruñés: un total de 8.060. Deles, 4.450 corresponden a ensinos regrados; onde a franxa con maior número de matriculados estaría entre os 22 e os 42 anos, entre unha porcentaxe de 56% mulleres e uns 44% homes. 3.610 estudantes que se matricularon en actividades de Extensión Universitaria e divulgación Cultural, pechan a cifra total de alumnos.

Desde esta institución académica deuse formación a 26 Graos Oficiais, Másteres, a toda a oferta de Cursos de Acceso, e os idiomas a través do CUID. Durante este curso mantívose a estreita colaboración co Centro Penal de Teixeiro, con concreto e a través da celebración do Curso de Verán "As novas vías de inserción: módulos terapéuticos e módulos de respecto".

Máis de 1500 estudantes participaron nas actividades de divulgación culturais gratuítas organizadas pola Delegación de Alumnos deste Centro Asociado ao longo do pasado curso.

Novo quixo resaltar o labor do persoal que presta servizos nesta institución, 14 membros de persoal de administración e servizos e 113 profesores titores. Do total dos docentes, 102 desempeñaron as súas funcións na sede da Coruña e 11 na aula de Ferrol e entre todos eles impartiron 504 materias, dun total de 534 materias tuteladas.

Como en anos anteriores, os Graos con maior demanda foron e por esta orde: Psicoloxía, Dereito e ADE; seguidos moi de preto por Historia da arte. Durante o curso 2015/2016 celebráronse 14.345 exames.

Na mesma liña de datos e en atención aos servizos ofrecidos, Ana Novo mencionou a importancia do Centro de Orientación, Información e Emprego (COIE), e dentro del, o Servizo de Axuda ao Emprego e ao Emprendemento (SAEE), onde se atende a xestión de convenios con empresas, resolve dúbidas de índole académica formuladas polos estudantes, ou se dá orientación laboral; creación ou inserción empresas.

Novo quixo resaltar durante a súa intervención a importancia do Programa Sénior neste Centro Asociado. Estudantes maiores de 55 anos, do medio rural, e neste caso concreto, cunha media de idade que supera amplamente os 70 anos, sumaron o curso pasado máis de 588 matriculados entre 1º e 2º cuadrimestre.

Resumo completo da memoria anual de curso 2015/2016 aquí.

Dosier do Centro Asociado aquí.

Lección Inaugural, "Educación, Redes Sociais e cambios na nosa sociedade"

Manuel Alonso Castro Gil, catedrático de Universidade da área de Tecnoloxía Electrónica no Departamento de Enxeñería Eléctrica, Electrónica e de Control, Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da UNED e director nese Departamento, actuou como lector inaugural durante a xornada do pasado venres.

A súa presentación "Educación, Redes Sociais e cambios na nosa sociedade" abordou o actual binomio entre redes sociais e educación desde un punto de vista evolutivo e práctivo.

"O desenvolvemento das redes sociais e a aplicación da tecnoloxía na educación e en concreto na educación superior preséntase como o resultado agregado da evolución da docencia presencial, online e a distancia, e a cada vez maior aplicación da tecnoloxía na docencia, seguindo a evolución da implantación do modelo do EEES na Unión Europea e as tendencias en Estados Unidos e outros países internacionais de referencia. Esta evolución conduciunos á Educación Personalizada (Blended Learning) e o salto da Educación en Aberto (OCW e MOOCs), a desaparición das fronteiras educativas e a crise internacional está a conducirnos a outro cambio no paradigma da educación superior e a un replanteamiento profundo na Sociedade do papel da Universidade (pública e privada) nas distintas fases regradas da educación e na formación ao longo da vida".

Castro expuxo un relato evolutivo que virou en torno ao percorrido e implantación das actuais ferramentas tecnolóxicas educativas, en relación aos obxectivos actuais dos usuarios no escenario aprendizaxe-coñecemento.

Resumo da presentación de Manuel Castro aquí.

Presentación de Manuel Castro aquí.

Carácter social e académico desta Universidade

Germán Carro Fernández, director do Centro Asociado, prologou a súa intervención mencionando o carácter social e académico da UNED, sen deixar de lado a importancia o uso das novas tecnoloxías aplicadas á educación e á formación. Carro agradeceu á vicerreitora de Investigación e Internacionalización, María Esther Souto, a súa presenza nunha xornada tan sinalada na vida do Centro. Agradeceu tamén a asistencia ao profesor Castro coas súas palabras "converteuse nun referente das accións impulsoras do uso das tecnoloxías dixitais no ensino universitario desde unha perspectiva innovadora, que pasou pola coordinación e dirección de proxectos europeos orientados á divulgación e ao uso de laboratorios remotos no ámbito académico e escolar ata o emprego das redes sociais como complemento ás actividades realizadas en cursos de formación presencial e online"

O director do Centro encomiou o traballo dos alumnos: "son o noso futuro e neles deberiamos investir todo o necesario para garantir que o noso país sexa un referente en ciencia, investigación e formación" e lembrou o significado de recompensa do camiño percorrido, "mañá exporvos iniciar novos retos, porque só tentando avanzar constrúense camiños, e un deses camiños que nos leva cara ao futuro, como saben ben a nosa Vicerreitora e o noso lector inaugural, é o da investigación".

Carro lembrou ao importancia do papel das ferramentas tecnolóxicas, que permiten a novos alumnos achegarse á UNED con independencia do lugar en que residan, e que se converteron tamén nun referente nacional e internacional e a vinculación cos profesionais do tecido social e empresarial que nos rodea, para adquirir novos coñecementos a través das súas experiencias e para ofrecerlles unha cualificación co obxectivo de mellorar a contorna social local no que actuamos: as súas organizacións, empresas e sistemas produtivos.

Discurso completo do Germán Carro aquí.

Participación do cultural local

José Manuel Sande García, actual presidente do Padroado UNED A Coruña e concelleiro de Cultura e Coñecemento do Concello da Coruña, finalizou a quenda de participacións, lembrando a importancia da educación e a cultura máis próxima e local á vida académica e a súa estreita relación, como contrapunto á realidade evolutiva na contorna universitaria.

Entrega de diplomas

Finalizadas as intervencións, procedeuse a entregar aos 49 titulados presentes, os seus diplomas. Foi, sen dúbida, o momento máis emotivo da celebración. Unha vez entregados todos os documentos, a coral polifónica "O Eco" interpretou o Canticorum Iubilo de Haendel.

Inauguración de Curso Académico 2016/2017

A vicerreitora de Investigación e Internacionalización da UNED, María Esther Souto Galván, pechou o acto cunhas palabras de agradecemento tanto á representación institucional como á académica na sala, e felicitando a todos os alumnos titulados polo seu traballo, esforzo e tesón durante o camiño percorrido nesta Universidade. Finalizou a súa intervención, introducindo a habitual fórmula de inauguración de curso, en nome do Rey e por delegación do Reitor da UNED.

Nese momento e toda a sala en pé, a coral polifónica "O Eco" interpretaba o Gaudeamus Igitur e o Himno de Galicia.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Invitación ao Acto* A información do horario de inicio do acto tivo un adianto de 30 minutos sobre a hora inicial.

Notas de Prensa

*A información do horario de inicio do acto tivo un adianto de 30 minutos sobre a hora inicial.

Aparicións en Medios de Comunicación

Entrevistas a Titulados

Irene Tomé Urresti, Máster Universitario en Política y Democracia.

María Núñez Torreiro, Grao en Psicoloxía.

Álvaro Valcárcel Pérez, Grao en Psicoloxía.

Pedro Manuel Pérez Fernández, Grao en Economía.

Esteban López Vázquez, Grao en Xeografía e Historia.

Francisco Javier Amigo Fuertes, Enxeñería Industrial.

José María Pernas Souto, Grao en Ciencias Políticas e Socioloxía.

Felix Fraguela Santos, Licenciatura en Dereito.

Juan Alberto Sánchez Ramón, Licenciatura en Dereito.

David Calvelo Mañana, Grao en Socioloxía.

----------------------------{}---------------------------

Síguenos en:

Facebook

Twitter

Google+

Youtube

Blog UNED Sénior A Coruña

Horarios provisionais+info
Nexus Event SAEE UNED A Coruña 2024+info
UNED Sénior A Coruña
Educación, 3 15011 A Coruña - (A Coruña). Tel. 981 14 50 51 info@a-coruna.uned.es